top of page
  • Writer's pictureAdrián Naray Ares

Cando se rexistraron as temperaturas máis elevadas en Foz?

Esta semana estamos tendo varios días con temperaturas preto dos 25ºC (ou incluso superiores como se agarda o venres). Entón, a pregunta que surxe é: cal é a temperatura máis elevada rexistrada ata o momento en Foz? E cando foi?


Os 10 valores máis elevados da temperatura máxima rexistrada na estación de MeteoGalicia en Foz (operativa dende 2006) son, ata o momento, os seguintes:



Obsérvase que as 10 superaron os 30ºC, sendo o valor máximo rexistrado 34,82ºC. A día de hoxe, salvo sorpresas, nin a curto nin a medio plazo se agarda superar ese valor en Foz.


Agora ben, máis que os propios valores, o máis destacable son as datas. Como se pode observar, as 3 máis altas rexistráronse no mes de outubro!!! SI SI no mes de OUTUBRO. De momento, en pleno verán non se conseguiu superar os 32ºC. Por iso, habitualmente dise que no outono tamén hai días de plaia. Neste gráfico tamén nos atopamos cunha temperatura superior aos 30ºC en setembro. Polo tanto, o 40% das 10 temperaturas máis elevadas rexistráronse en outono, mentres que o 60% no verán, cando nesta última estación o porcentaxe debería ser máis elevado... ou non? 🤔


Pois non, nun habitual verán teríamos un anticiclón situado no sudoeste das Illas Británicas e como xira de maneira horaria, enviaría vento do norte-nordés á Mariña, como pode observarse na imaxe da esquerda. Mentres que nun habitual outono, serían protagonistas a chegada de borrascas atlánticas, algunhas incluso poden ser ciclóns ex-tropicais (ou sexa, ciclóns tropicais como os furacáns que ascenderon a latitudes medias e sufriron un cambio nas súas propiedades). As borrascas xiran en sentido antihorario, polo que enviarían vento do sur-sudoeste, como se pode observarse na imaxe da dereita.



E ademais diso entran en xogo as Serras Setentrionais Galegas, onde destaca a Serra do Xistral, onde acontece un fenómeno coñecido como Efecto Föhn. Basicamente, este fenómeno atmosférico o que provoca é que o aire que chega a barlovento dunha montaña, ao ir ascendendo vaise arrefriando e en consecuencia, condénsase o vapor de auga presente nel formando nubes. En cambio a sotavento, descende rapidamente aire cálido e seco, provocando que a temperatura "detrás da montaña" sexa superior que "diante dela".


Co norte-nordés A Mariña estaría en barlovento, polo tanto sufriríamos esas nubes de estancamento (ou néboas orográficas) e temperaturas máis suavizadas, mentres que con sur-sudoeste, estaríamos en sotavento das montañas e polo tanto, temperaturas moi elevadas (así en outono podemos ter temperaturas superiores incluso a Ourense).


Polo tanto, por esta razón NON é raro ter temperaturas moi elevadas en outono, pero en cambio, as mínimas si serán máis baixas.


174 views0 comments
Publicar: Blog2_Post
bottom of page