top of page
  • Writer's pictureAdrián Naray Ares

Que é a altura significativa de onda? 🤔

Na predición marítima sempre se fala da altura significativa de onda agardada, pero tes claro que significa iso? Vamos intentar explicalo.


Na seguinte figura podedes observar a distribución do número de ondas (eixo vertical) en función da altura destas (eixo horizontal). O número de ondas aumenta ao ascender polo eixo vertical, mentres que as ondas son máis elevadas ao desplazarnos cara a dereita no eixo horizontal.


Fonte: The COMET Program.











Así observando as ondas nun certo período de tempo, por exemplo durante 30 minutos, observaríamos que as alturas destas distribúense nunha forma que semella unha campá, con relativamente poucas ondas moi pequenas e tamén poucas ondas moi grandes.


Nesa campá teremos que a maioría das ondas agruparíanse ao redor dun valor que sería a altura máis probable ("H más probable") que tería unha onda durante ese intervalo de tempo, é dicir, esta sería a altura que máis ondas terían. Cara a dereita aparece "promedio de H", ou sexa, a altura media (Hm) do conxunto de todas as ondas que observamos durante esa media hora e o seu valor será lixeiramente superior ao da altura máis probable (xa que se atopa máis á dereita).


Máis a dereita dese promedio (ao seguir desplazándonos cara a dereita segue aumentando a altura das ondas) e aparece unha zona azul na figura que agrupa a o tercio da ondas de maior altura (1/3=33,33%). O promedio desta zona correspóndese coa coñecida como altura significativa de onda (Hs). O valor desta considérase que se aproxima á altura media da ondada ("oleaxe") que percibe visualmente un observador, debido a que habitualmente só se prestan atención as ondas máis grandes (das pequenas pasamos, pobres 😥). Aproximadamente unha de cada 7 ondas será máis grande que a altura significativa. Máis á dereita atoparémos con "H1/10", isto é, a dereita dese valor atoparíamos o 10% das ondas máis elevadas (se por exemplo, observaramos 100 ondas só as 10 máis grandes estarían á dereita dela).


Polo tanto, a altura significativa NON é a altura máxima a que chegarían as ondas, sempre habería algunhas ondas máis grandes. Pero si que podemos calcular a partir dela, de maneira aproximada, os valores da altura media ou da altura máxima que esperaríamos do conxunto das ondas durante un intervalo temporal.


Habitualmente, considérase que a altura máxima (Hmáx) a que chegaría unha onda sería aproximadamente o dobre da altura significativa (Hs): Hmáx=Hs*2. Por outra banda, a altura media das ondas (Hm) que observaremos sería aproximadamente: Hm= Hs*0,64. Mentres que a maioría das ondas (H+probable) terían unha altura de aproximadamente a metade da altura significativa: H+probable= Hs*0,5.


- Exemplo práctico:


Supoñamos que a predición marítima para Foz agarda que a altura significativa de onda na praia da Rapadoira entre as 14-15h será de 2 metros. Entón, polo explicado antes teríamos:


  • Altura máxima de onda agardada (Hmáx): 4 metros

  • Altura media das ondas (Hm): 1,28 metros

  • Altura máis probable das ondas (H+probable): 1 metro

106 views0 comments
Publicar: Blog2_Post
bottom of page