top of page
  • Writer's pictureAdrián Naray Ares

Palabras e expresións empregadas na Mariña no ámbito da meteoroloxía e oceanografía (3º Versión)

Updated: Aug 2, 2022

Igual que ocorre noutras zonas de Galicia, na Mariña empréganse algunhas palabras propias que non se utilizan (nin posiblemente se coñezan noutras zonas de Galicia), Un exemplo claro é a palabra BARRUZO, que pouca xente coñece no resto da comunidade.


Algunhas das palabras que me chegaron son as seguintes (se non se coñecen en toda a Mariña, refléxase a localidade na que polo menos me dixeron que si):


  • Avesío/Soédrego: Día moi nublado e calmo. Polo menos en Foz.

  • Axexo: Anoitecer, solpor, bo momento para pescar. Polo menos en Foz.

  • Balaxe: Mar ovellado. Polo menos en Foz.

  • Barruzo/Boubizo/Zaraballo: Orballo. Boubizo en Foz e zaraballo en Viveiro.

  • Barruzar/Boubizar: Orballar. Boubizar polo menos en zonas de Foz.

  • Borraxeira: Estar pechado de néboa. Polo menos en Viveiro.

  • Gorgozada: Marusía que se produce nas rías ou canles con mareas grandes cando ó estar baixando a marea, as ondas baten coa corrente de baixada. A marusía producida por este contraste desestabiliza as embarcacións pequenas e pode ser perigosa. Polo menos en Foz.

  • Marexada/Trapallada: Marusía. Trapallada polo menos en Foz.

  • Orballada: Cando no amencer a herba está mollada. Polo menos en zonas de Foz.

  • Refolón: Mar ou marexada contínua, sin períodos de xacente. Polo menos en Foz.

  • Rousada: Rosada. Polo menos en zonas de Foz.

  • Vazar: Baixar a marea.

  • Vrao: Verán.

  • Xacente: Tempo que hai entre unha serie de ondas e outras. Polo menos en Foz,

Respecto ás expresións, de momento, chegáronme as seguintes:


  • Brétema no Castelo, sardiña no caravelo: Cando hai néboas no Monte Castelo, sardiñas nos barcos. Polo menos en Burela.

  • Cando hai nordeste non chove e se chove ata as pedras move: Habitualmente o nordés orixina nubes de estancamento que como moito deixarían algún barruzo, agora ben, se os refachos son moderados ou máis intensos, será consecuencia da proximidade dunha fronte ou borrasca que provocará chuvias (de maior intensidade que un barruzo) na Mariña. Polo menos en Burela.

  • Ceo escamudo, vento seguro: Se o ceo está empedrado (como con escamas) virá vento.

  • Corridas de San Bartolo/vaga de San Bartolo: Mar de fondo intenso que chega cada ano á Mariña, a finais de agosto, coincidindo coa festividade de San Bartolo (24 de agosto).

  • Fai resol: Para cando hai Sol, pero o ceo non está despexado completamente. Polo menos en Burela.

  • Gaivotas á terra, mariñeiros á merda: Cando hai gaivotas pola terra, non está o mar para ir pescar. Polo menos en Foz.

  • Gaivota na terra, colle a brosa e fai a estela... Gaivota no mar, colle o arado e vai arar...: Se a gaivota está en terra fará mal tempo, se está no mar fará bo. Polo menos en zonas da Mariña Central.

  • Hai ovellas/corderitos/corderos/cordeiros no mar: Mar picado por vento de compoñente norte. Polo menos en Foz.

  • Hoxe está de nordés: Hai vento do nordés. Polo menos en Burela.

  • Lúa en Carrás, auga en San Blas: Cando se ve a Lúa por Carrás, a marea chega ata a capela de San Blas, en Vilaxoane. Polo menos en Foz.

  • Lúa en Mondigo, baixamar no río/Lúa no Mondigo, río escurrido: En Foz, cando a lúa se ve sobre o monte Mondigo cadra que a marea está baixa. Polo menos en Foz.

  • Montes acapelados, nordeste aos rabos: Se os montes que rodean o litoral están cheos de néboas, predice vento do nordés.

  • Na baixamar todo aparece: A baixada da marea, provoca que a area e/ou o fondo mariño quede ao descuberto.

  • Néboa en Comado, auga de contado: Se no monte Comado se observa néboa, choverá en pouco tempo. Polo menos por zonas de Foz e Barreiros.

  • Néboa en Cornería, auga o outro día: Cando se ve néboa no monte Cornería, adoita chover ao día seguinte. Polo menos en Foz.

  • Noite podre: Estar moi boa noite. Polo menos en Foz.

  • O mar desde o monte, unha fonte: Dende os montes o mar sempre parece que está bo. Polo menos en Foz.

  • Todo aparece á baixamar na escabezada: Tódolos refugallos que trae a marea quedan varados na parte máis alta a donde chega a marea: a escabezada. Polo menos en Foz.

  • Tirarse de auga: Chover. Polo menos en Burela.

  • Vaga de mar: Hai moito mar.

  • Vento de escornacabras: Expresión para referirse ao vento do sur. Na Mariña este é un vento de terra, quente e é común que levante moitas árbores cos seus habituais intensos refachos. Polo menos en Cervo.

  • Vento do cabo: Vento do noroeste. Polo menos en Foz.

  • Vento do cabo á noite quedado: Que o vento do noroeste se quedará á noite. Habitualmente este vento polo tarde pode ter intensidade moderada mentres á noite desaparecerá completamente. Polo menos en Foz.

  • Vento xoulón: Vento moi quente (que aporta sensación de bochorno) de compoñente sur. Polo menos en Foz.

Se queres colaborar, engadindo máis palabras e/ou expresións, modificando algunha das explicacións ou ben comentar que na túa zona tamén se fala algunha das anteriores, podes completar o seguinte formulario, incluso de forma anónima. Anímate a colaborar e que se manteña o que nos fai diferentes.


Pode ser que algunha destas palabras se chamen tamén así noutras zonas de Galicia, pero en principio, a maioría das aquí expostas son características da Mariña e non son coñecidas nin en toda a comunidade nin aparecen todas na RAG.


----------------------------------------------------------------------------------

Agradecementos: A recopilación de todas estas palabras e expresións foi grazas ás seguintes persoas: Asun Ares, Antonio Ares, Felipe Ledo, Lorena Seijas, Marta Joven, Juan Rubiños, Andrea García, Álvaro Crego, Jordán Lestegás, Manuel Alberto Fraga, Bruno Díaz, María Elvira Alonso, Dolores López, Alejandro Sánchez, Víctor Jul, David Méndez, Andrea González... E tamén lles quero dar as grazas a todas aquelas que o fixeron de forma anónima.


Se estás na anterior lista e non queres aparecer nestes agradecementos, envíame unha mensaxe privada por calquera das redes sociais (Instagram, Twitter, Facebook) ou ben por correo a otempoenfoz@gmail.com. Igualmente, se colaboraches e olvideime de nomearte nestes agradecementos escríbeme tamén por privado.


NON SE RECOLLERÁN PALABRAS OU EXPRESIÓNS NIN EN COMENTARIOS NIN POR PRIVADO SÓ SE RECOPILARÁN AS DO FORMULARIO.

729 views0 comments
Publicar: Blog2_Post
bottom of page