top of page
  • Writer's pictureAdrián Naray Ares

Avisos e alertas, que son e cal é a diferenza?

Algunhas escoitamos falar de avisos e outras veces de alertas para referirse a situacións meteorolóxicas que saen fóra da normalidade, pero son sinónimos? 🤔


Unha das funcións encomendadas á AEMET (Axencia Estatal de Meteoroloxía) é a de emitir avisos sobre fenoménos meteorolóxicos adversos que poidan afectar á seguridade das persoas e aos bens materiais en España. Así, en 2006, coa función de facilitar a información á poboación e de parecerse ao que se facía noutros países europeos creouse Meteoalerta (Plan Nacional de Predicción y Vigilancia de Fenómenos Meteorológicos Adversos). Neste plan recóllense os limiares a partir dos cales, teríamos un fenómeno adverso (fóra do habitual) e que polo tanto, existiría algún tipo de risco para a poboación. Na seguinte táboa recóllense os limiares establecidos para a Mariña das variables máis destacadas:


Limiares de aviso na Mariña segundo Meteoalerta.

Estes mesmos limiares son os que utiliza MeteoGalicia para emitir os seus propios avisos, que poden non ter nada que ver cos da AEMET (cousa que non debería de ser así) xa que os modelos son diferentes. Na Mariña, a AEMET tamén pode emitir avisos por treboadas, néboas e galernas cando a situación de excepcionalidade o requira.


Por outra banda, están as alertas. Estas tamén son de nivel amarelo, laranxa e vermello e son emitidas pola Administración de maneira subxectiva a partir dos avisos que elaborou a AEMET. Desta maneira, as alertas non teñen por que coincidir necesariamente cos avisos. Por exemplo, en Madrid o concello emite alertas con limiares que son distintos aos que ten establecidos a AEMET, polo que non é a primeira vez que activan unha alerta vermella para un aviso amarelo da AEMET.


No caso de Galicia, as alertas son emitidas pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior que depende da Vicepresidencia e Consellería de presidencia, administracións públicas e xustiza da Xunta de Galicia. No noso caso, si que existiu, ata o momento, unha correspondencia directa entre avisos e alertas. Desta maneira, sempre que se activou un aviso laranxa ou vermello da AEMET (non de MeteoGalicia, a cal en última instancia depende da Xunta de Galicia), a Xunta emitiu, unhas horas despois, unha alerta laranxa ou vermella respectivamente.

66 views0 comments
Publicar: Blog2_Post
bottom of page