top of page
  • Writer's pictureAdrián Naray Ares

Onde hai máis días con temperaturas superiores a 25ºC no litoral da Mariña ou no da Costa da Morte?

Hai uns días o meu exprofesor de electromagnetismo na USC e gran coñecido e reputado científico galego Jorge Mira comentaba nunha publicación que na Costa da Morte só se superaban entre 2-10 días do ano os 25ºC de temperatura diaria máxima. Ademais, incluía esta mensaxe" non creo que haxa en España un lugar habitado con estes rexistros de temperaturas máximas durante o verán". Ao ler isto, moitos mariñáns pensarán: "Na Mariña non podemos estar moi lonxe desas cifras". Será certo isto? Onde haberá menos días que se superen os 25ºC no litoral da Costa da Morte ou no da Mariña? 🤔


Primeiramente, parece claro que en todo o litoral norte os valores deberían ser moi similares, mais sempre podería haber algúns lugares con temperaturas máis elevadas ca noutros.


Para realizar esta análise consideráronse os datos das estacións de MeteoGalicia situadas no litoral da Costa da Morte: Malpica (altitude 161 metros) e Camariñas (altitude 5 metros) e no litoral da Mariña: Foz (altitude 73 metros) e Burela (altitude 421 metros). Menos a estación de Camariñas (só ten datos dende abril de 2009), as demais teñen datos dispoñibles dende xaneiro de 2006 (son poucos anos para afirmar rotundamente unhas conclusións concretas pero como un pequeno estudo do que ocorreu nos últimos anos si serve perfectamente).


Así, fixéronse 2 grupos de 4 imaxes. No primeiro grupo, represéntanse o número de días nos cales as temperaturas máximas superaron os 25ºC e os 30ºC durante o ano completo e tamén só para o caso da estación do verán meteorolóxico (xuño+xullo+agosto). O período temporal destas figuras vai dende o 1 de xaneiro de 2006 ata o 19 de xullo de 2020 para estacións de Malpica, Burela e Foz. Todas de MeteoGalicia.


Nas figuras anteriores obsérvase que nos últimos anos en Foz sempre houbo máis días con temperaturas máximas superiores aos 25ºC e aos 30ºC que nas outras dúas estacións. Mentres que a de Burela sería estación que menos veces se superaron tanto os 25ºC coma os 30ºC. É certo que das tres esta é a que se sitúa a unha altura máis elevada, sendo a diferenza con Malpica duns 260 metros.


No segundo grupo, represéntanse o mesmo que no caso anterior pero agora inclúese tamén a estación de Camariñas. Como esta só ten datos dende abril de 2009 e para que non haxa unha descompensación co resto das estación, consideráronse só as temperaturas rexistradas en Burela, Malpica e Foz dende o 1 de abril de 2009 e ata o 19 de xullo de 2020.

Nas figuras anteriores obsérvase, de novo, que Foz segue sendo a que máis días con temperaturas superiores a 25ºC e 30ºC tivo das catro analizadas. Ademais, agora sería Camariñas o que menos días con superación de ambos limiares tivo. Agora ben, no caso desta estación non están dispoñibles os datos de xullo 2012 e polo tanto, pode que realmente houbese algún día máis no que se superase, polo menos, o limiar de 25ºC. Neste caso, en Burela superouse anualmente nunha ocasión menos que en Malpica os 30ºC, mentres que, en cambio, en Malpica, superouse anualmente en catro veces menos en Burela.


Resulta curioso que ao comparar as series dende 2006 e dende abril de 2009 das estacións de Burela e Malpica dos días nos que se superaron os 25ºC, na primeira restáronse tres días, mentres que na segunda dez. En ambas, ao considerar a serie completa dende xaneiro de 2006, os días con superación deste limiar eran practicamente os mesmos (Burela 73, Malpica 76).


En conclusión, parece que Camariñas sería onde menos veces se acadan temperaturas máis elevadas. Mentres que Burela e Malpica terían practicamente os mesmos días con temperaturas superiores aos 25ºC e 30ºC. En cambio, en Foz temos moitos máis días con temperaturas máis elevadas. Podería analizarse tamén a estación de Penedo do Galo en Viviero, pero como está situada a case 600 metros de altitude, a diferenza de altitude coas estacións consideradas sería moi considerable e polo tanto, non sería moi axeitado comparala coas demais estacións.

97 views0 comments
Publicar: Blog2_Post
bottom of page