top of page
  • Writer's pictureAdrián Naray Ares

Como foi agosto na Mariña? E o verán meteorolóxico? Que se agarda de setembro? 🤔

Rematou agosto na Mariña e comezou un novo mes con febles precipitacións na Mariña.


Para analizar tanto o caso de Foz como da Mariña utilízanse os datos recollidos polas estacións meteorolóxicas automáticas de MeteoGalicia localizadas na Mariña. En Foz, a serie histórica comeza no ano 2006.


A temperatura máxima acadada situouse preto do 30ºC (día 19), aproximadamente un grao por enriba do promedio das máximas rexistradas ata este ano, sendo o 5º agosto máis cálido dende 2006. En cambio, no pasado 31 de agosto acadouse a temperatura mínima diaria máis baixa rexistrada dende 2006 con só 8,46ºC. De todas maneiras, a temperatura media do mes situouse por enriba do promedio mensual 2006-2019 (+0,35ºC), sendo o 3º ano cun agosto máis cálido.


Ademais, pódese afirmar que finalmente tivemos 14 días con chuvia en Foz (por enriba do promedio para o mes de agosto dos últimos 14 anos) cunha acumulación de 89,6mm (L/m^2), sendo en consecuencia, o ano en que máis auga se acumulou en agosto dende 2006 (ao redor dun 169% máis que o promedio 2006-2019: 33,26mm). Agora ben, o 87,3% das precipitacións rexistráronse entre os días 11,12 e 29.


En canto ás horas de sol, este agosto tivemos unhas 6 horas menos que o promedio 2006-2019.



Comparando os datos de Foz co resto das localidades que teñen estación de MeteoGalicia obtéñense as seguintes gráficas.


A temperatura máxima rexistrada en agosto na Mariña atopámola en A Pontenova con 30,78ºC (case 6ºC menos que a de xullo), 10ºC superior á máis elevada de Penedo do Galo (25,41ºC). Ademais de A Pontenova, só Ribadeo consigueu superar os 30ºC chegando ata os 30,28ºC o pasado 19 de agosto grazas aos ventos de compoñente sur/sudoeste. Respecto ao promedio das temperaturas máximas, en O Valadouro gozaron de máximas máis cálidas xa que teñen a media máis elevada (24,84ºC), lixeiramente superior á de Lourenzá (24,82ºC).


Como acontecera en xullo, a mínima máis baixa da Mariña rexistrouse en O Valadouro con 5,26ºC, uns 6ºC menos que a mínima máis fría de Burela (11,73ºC). En canto ao promedio das temperaturas mínimas mensuales, o máis destacable é o caso de Ribadeo. Nesa estación a media foi de 16,39ºC, máis de 1ºC por enriba da segunda (Burela con 15,24ºC). No resto da Mariña, os promedios son moi similares (entre os 14-15ºC). A ter en conta tamén que menos nas estacións de A Pontenova, Burela e Penedo do Galo, houbo 2 noites nas que a temperatura non baixou dos 20ºC, polo tanto, poderíamos dicir que houbo 2 "noites tropicais". Concretamente, foron a noite do 6-7 de agosto (mínima máis elevada de 21,22ºC en O Valadouro) e a do 18-19 (mínima máis elevada de 22,44ºC en Ribadeo).


Aínda que existan grandes diferenzas entre as máximas e as mínimas das localidades da Mariña, a temperatura media de agosto situouse ao redor dos 19ºC na meirande parte da Mariña. De novo, nas estacións de Burela e Penedo do Galo rexistráronse as temperaturas medias máis frías da Mariña. Destacar tamén Ribadeo, xa que a media do mes rozou os 20ºC.


Por outra banda, Borreiros (Viveiro) e Foz foron as estacións onde máis horas de sol se rexistraron (185). Supoñendo que nun día soleado de xullo temos aproximadamente unhas 14 horas de sol cada día, en ambos houbo o equivalente a un pouco máis de 13 días completamente soleados.


Por último, onde menos precipitación se rexistrou foi na estación de Borreiros, mentres que onde máis foi na estación de A Pontenova (diferenza entre ambas de 61,2mm). En canto aos días de chuvia, tanto en Ribadeo como en Penedo do Galo choveu máis da metade do mes.


O verán meteorolóxico comezou con moi poucas precipitacións (situación moi similar ao que ocorreu tamén na primavera e no inverno) que se situaron por debaixo do habitual tanto en xuño como en xullo. Por ese motivo, o 17 de xullo Augas de Galicia decidiu activar o estado de PREALERTA por sequía hidrolóxica. Dende o 1 de xuño e ata ese día, caeron 36mm en Foz, mentres que a partir dese día rexistráronse uns 98,6mm. Polo tanto, o 73% da precipitación do verán caeu na segunda parte do trimestre. En xuño a precipitación rexistrada foron 29mm; en xullo, 16mm e en agosto foron 89,6mm. En consecuencia, o 66% da precipitación do verán rexistrouse só en agosto.


En canto aos días de chuvia, choveu nun total de 34 días (11 en xuño, 9 en xullo e 14 en agosto). O promedio entre os anos 2006-2019 é de 31 días, polo que este ano choveu 3 días máis do habitual nestes últimos 14 anos. A destacar especialmente o caso de agosto, cando choveu 4 días máis que a media como se pode observar na seguinte figura.


En ningún día deste verán superamos os 30ºC na estación de Foz, mentres que os 25ºC superáronse en 9 ocasións (2 en xuño, 2 en xullo e 5 en agosto). Polo tanto, os días que superamos dito umbral é o mesmo que o promedio das veces que se superaron nos últimos 14 anos, como se pode observar na seguinte figura.



Polo tanto, o pasado verán foi practicamente igual de cálido que a media dos veráns 2006-2019, mais un pouquiño máis cálido (+0,076ºC) e lixeiramente máis húmido (caeron uns 17mm máis que dito promedio o cal supón un 14% máis).

Aínda que finalmente non podemos falar dun verán seco (grazas a agosto), o certo é que ata o 31 de agosto, 2020 é o 3º ano máis seco dende 2006. Ata ese día, acumuláronse uns 413,8mm, o que supón un 16% máis que en 2011 (caeran 64,9mm menos), un 2% máis que en 2007 (caeran 7,9mm menos) e un 134% menos que en 2013 (cando se acumularan 554,4mm máis). Ademais, foron 144,7mm menos que a media, ata o 31 de agosto, do período 2006-2019.


Respecto ao tempo agardado para o mes de setembro, o modelo climático mensual NCEP Climate Forecast System agarda que as temperaturas se manteñan dentro do habitual e que as precipitacións poidan ser lixeiramente inferiores ao habitual na Mariña neste mes.


Figura da esquerda anomalía da temperatura superficial (a 2 metros) e a da dereita a anomalía da precipitación acumulada para setembro. Fonte: CFSv2.


Para o mes de outono meteorolóxico (setembro-outubro-novembro), a AEMET indica que o máis probable é que as temperaturas na Mariña se sitúen por enriba do habitual, mentres que no caso das precipitacións, agarda que as acumulacións sexan inferiores ao habitual.




108 views0 comments
Publicar: Blog2_Post
bottom of page